Epidemioloxía feridas traumáticas de partes brandas.

Epidemioloxía feridas traumáticas de partes brandas.

EPIDEMIOLOXÍA

Tradicionalmente, as lesións por causas traumáticas eran consideradas como accidentes ou eventos suxeitos ao azar, o que chegou a xerar o conformismo social de consideralas como inevitables. Este concepto evolucionou nas últimas décadas e as estimacións máis recentes mostran este tipo de lesións como un proceso que se pode predicir, previr e tratar e a súa diminución (mediante a concienciación social e estratexias educativas de prevención) como un dos principais desafíos para a saúde pública no século XXI.

A ferida traumática é unha das patoloxías de consulta máis frecuentes nos servizos de urxencias e puntos de atención continuada (entre un 20 e un 32 % do total de asistencias). Tamén é motivo de consulta frecuente nos centros de atención primaria, onde supón máis do 50 % das atencións que se realizan ao ano.

Entre as causas máis habituais de ferida traumática de partes brandas atópanse os accidentes de tráfico, os accidentes domésticos e os laborais, aínda que tamén hai que ter en conta os golpes por caídas e/ou precipitacións, as autolises e as agresións físicas, así como os accidentes deportivos, industriais e agrícolas, entre outros.

En referencia ás lesións en partes brandas, os membros superiores, a zona abdominal e a cara son as rexións anatómicas máis afectadas na maioría dos casos. Por rangos de idade, os nenos son os máis propensos a sufrir accidentes domésticos ou golpes e caídas, relacionados coa súa intensa actividade física e os xogos; tampouco é un aspecto desprezable en anciáns con problemas de mobilidade, o que determina un gran número de golpes e caídas, aínda que, en xeral, os adultos menores de 40 anos son o grupo de individuos que sofren máis feridas traumáticas (debidas, principalmente, a accidentes de tráfico e laborais), seguido do dos anciáns institucionalizados.

Do mesmo xeito ca noutro tipo de lesións, o problema máis importante de saúde que pode chegar a presentarse nas feridas por traumatismos en partes brandas é a infección, principalmente por Streptococcus pyogenes (S. pyogenes) e Staphylococcus aureus (S. aureus), o que supón un aumento do gasto sanitario e un incremento da morbi-mortalidade nos pacientes con este tipo de feridas.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde